Saltar ao contido principal

Mercado Social Galicia

Que é a economia social e solidaria e que valores defende?

Imaxe dunhas pedras apiladas

É unha visión e unha práctica que coloca os procesos de sostemento da vida no centro da actividade socioeconómica, polo que sitúa ás persoas, comunidades, pobos, culturas, contorna ambiental e bens comúns por enriba do capital e da súa acumulación.

A Economía Social e Solidaria promove e desenvolve iniciativas alternativas en todas as esferas do ciclo económico (financiamento, produción, comercialización e consumo) desde valores relacionados, entre outros, coa cooperación, a reciprocidade, a autoxestión e a solidariedade, desde una perspectiva transformadora que persegue construír economías máis comunitarias, democráticas, equitativas, inclusivas e sostibles. Economías, en definitiva, feministas, ecolóxicas e solidarias.

As propostas de ESS afrontan o desenvolvemento dunha economía capitalista insostible reivindicando a transición cara novos modelos nos que os seis principios polos que se rexe posibiliten a xeracións de iniciativas, espazos e redes económica e socialmente transformadoras.

A ESS é movemento social e conxunto de prácticas á vez

Imaxe dunha cabra sobre fondo gris

Como un movemento, formula una proposta política de transformación social a través da democratización da economía, a autoxestión do traballo, aa priorización das persoas sobre o capital e as relacións baseadas na cooperación e na sostibilidade da vida.

Este propósito non se queda nun discurso xa que no noso País existen multitude de iniciativas en forma de cooperativa, asociación, empresa de inserción ou colectivos informais, entre outras, que están facendo actividade económica baseándose nos principios da cooperación, o compromiso social e ambiental, o apoio mutuo, a autonomía na xestión, a emancipación do traballo…

A ESS quere superar o capitalismo modificando o obxectivo da actividade económica:

  • Priorización da satisfacción de necesidades sobre ol lucro
  • Aposta pola propiedade colectiva e a xestión democrática
  • Compromiso coa comunidade, a sostibilidade ambiental e a equidade de xénero
  • Funcionamento participativo
  • Perspectiva transformadora da economía e a sociedade

Así, os mecanismos de relación entre iniciativas de ESS non se basean na competencia senón na intercooperación e o traballo conxunto. 

Os seis principios da ESS

  • Equidade

    Equidade

    A equidade incorpora ao obxectivo da igualdade as perspectivas complementarias da xustiza e da diversidade. Supón recoñecer e considerar a igualdade de oportunidades, condicións e trato, á vez que establecer un reparto xusto de obrigas, recursos e responsabilidades. Trátase dun valor necesario para recoñecer e garantir o dereito de toda persoa a vivir unha boa vida desde os principios de universalidade e de singularidade, así como dos seus intereses e necesidades vitais.

  • Traballo digno

    Traballo digno

    O traballo é toda actividade humana que fai posible que a vida se sosteña, sexa tratada con coidado e se reproduza, tanto no presente coma no futuro. Por iso, desde a ESS, recoñécense os traballos en plural, produtivos e reprodutivos, profesionais e voluntarios, remunerados e gratuítos. Así mesmo, enténdese o traballo como unha ferramenta de acción colectiva ao servizo das necesidades da comunidade e da sostibilidade da vida.

  • Sostibilidade ecolóxica

    Sostibilidade ecolóxica

    A ESS recoñece á natureza como suxeito de dereitos, polo que coloca aos seres vivos e á reprodución da vida no centro de todo proceso social e económico. Por isto, asume os límites biofísicos do planeta, promove o sostemento dos ecosistemas e comprométese co seu coidado. Neste sentido, considera a sostibilidade ecolóxica como un principio central no seu compromiso coa saúde do planeta e coa sostibilidade da vida.

  • Cooperación

    Cooperación

    Fronte ao individualismo e a competencia imperantes no capitalismo, a ESS entende a cooperación como unha proposta de autoorganización baseada no apoio mutuo e a solidariedade, dirixida á satisfacción de necesidades e ao logro do ben común. Para isto, tece redes de cooperación que impulsen unha axenda colectiva transformadora e se convertan en espazos que promovan aa democracia directa e a ética da participación, a horizontalidade e o respecto á autonomía, o apoderamento de quen participa e a redistribución do poder.

  • Reparto xusto da riqueza

    Reparto xusto da riqueza

    Posibilitar a transición ecosocial require poñer en cuestión o pensamento económico hexemónico. A Economía Solidaria propón unha consideración alternativa e integral do concepto de riqueza, ademais de reclamar a súa distribución de modo corresponsable. Así, entendemos a riqueza como o conxunto de elementos materiais, sociais, culturais e naturais que determinan a capacidade dunha comunidade de atender as necesidades de quen a integra no curto, medio e longo prazo.

  • Compromiso coa contorna

    Compromiso coa contorna

    Supón coñecer e recoñecer, implicarse, colaborar e articularse co resto de axentes que conforman o tecido socioeconómico no que actúa e enraíza a Economía Solidaria. Implica a promoción e o impulso de modelos de produción, distribución e consumo centrados no territorio, desde onde construír propostas comunitarias de mellora e, a través de alianzas que provoquen un efecto multiplicador, unha axenda de transformación ecosocial que transite do local ao global.