Saltar ao contido principal

Mercado Social Galicia

Quen somos REAS Galicia?

Somos unha asociación sen ánimo de lucro formada por entidades galegas de Economía Social e Solidaria (ESS) e persoas que queren promover unha economía transformadora, que poña a vida no centro.

Operamos en todo o territorio galego traballando para, man a man, mudar as regras do sistema económico actual e poñelo ao servizo das persoas e das comunidades, desenvolvendo un modelo máis sostible, xusto e equitativo que priorice a sostibilidade da vida sobre o capital desde unha mirada feminista e ecosocial.

Procuramos conseguir facer realidade este modelo económico cimentando a súa construción nos principios e valores que nos unen:

  • Equidade
  • Traballo digno
  • Sostibilidade ecolóxica
  • Cooperación
  • Reparto xusto da riqueza
  • Compromiso coa contorna

En Galicia somos 34 iniciativas en forma de cooperativa, empresa, asociación, colectivo (...) que apostamos por facer unha actividade económica con vontade transformadora, comprometida cos principios da ESS e cuxa interrelación non se basea na competencia, senón na intercooperación e o traballo conxunto.

Organizámonos de maneira asamblearia, participativa e equitativa, acompañándonos e apoiándonos nesta singradura rumbo a vivir unha vida digna de ser vivida.

En Galicia, constituímonos no ano 2003, pero estamos enredadas con outras comunidades a través de REAS RED de REDES, quen con máis de 30 anos de bagaxe, acolle a 15 redes territoriais e 6 secoriais con case un milleiro de entidades e empresas do Estado Español.

Imaxe duns grelos e unhas mazás

QUE FACEMOS?

  • Potenciamos o traballo en rede e a cooperación entre organizacións, con outras plataformas, redes e movementos sociais: promovendo encontros, xerando espazos, alianzas, atopando sinerxías e creando recursos.
  • Facemos máis visible e forte o sector da ESS a través de campañas de difusión, fomento do consumo consciente, fortalecemento institucional ou impulsando de circuítos de comercialización sostibles e equitativos como feiras ou mercado social.
  • Difundimos o valor transformador da ESS entre a cidadanía, través da sensibilización e concienciación sobre un consumo ético e consciente e a socialización de coñecementos, experiencias e boas prácticas.
  • Facemos incidencia política e social: defendemos os intereses do sector ante a administración pública e entidades privadas.
  • Impulsamos e executamos proxectos de transformación social acordes aos valores da ESS.

ENRÉDASTE CON NÓS?

A unión fai a forza, e o teu apoio é fundamental para sermos cada vez máis mans que nos permita poder desenvolver con maior independencia as liñas de acción que impulsamos en prol da ESS.

Remando a canda nós, implicándote e participando en REAS, estarás contribuíndo ao desenvolvemento dun novo modelo económico de transformación social, a través da democratización da economía, a autoxestión do traballo, as relacións baseadas na cooperación e na sostibilidade da vida e, en definitiva, a priorización das persoas sobre o capital.

COMO PODO PARTICIPAR?

  • Como voluntaria nas accións que realizamos anualmente.
  • Cunha achega puntual ou doazón individual.
  • Compartindo información, consumindo responsablemente e/ou difundindo o movemento.
  • Asociándote! Ben como entidade socia no caso de figuras xurídicas, ou como colaboradora no caso de entidades ou persoas que non dispoñen de personalidade xurídica propia.

E QUE CHE PODE ACHEGAR SER PARTE DE REAS?

  • Recibirás novas vinculadas a ESS (actividades, formacións, axudas, etc) a través do correo-e.
  • Poderás aumentar a visibilidade do proxecto a través do Mercado Social e redes sociais.
  • Poderás dispoñer da ferramenta da Auditoría Social para avaliar, medir e mellorar o teu impacto social, a transparencia e comunicación dos teus valores.
  • Terás a oportunidade de participar en espazos de cooperación onde intercambiar coñecementos con outras experiencias, atopar sinerxías e tecer redes, tanto en territorio galego coma noutras comunidades.
  • Terás preferencia á hora de participar en proxectos impulsados por REAS.
  • Serás parte dunha grande rede de aprendizaxe e apoio mutuo coa que farás comunidade para transformar este mundo nun máis xusto e sostible.

Agardámoste!

Todas aquelas entidades asociativas, cooperativas, proxectos, empresas e persoas individuais cuxa visión ou proxecto estea en sintonía cos principios e valores transversais da economía solidaria que o soliciten, serán benvidas neste barco!

Contáctanos en

Imaxe dun teléfono antigo