Que é o mercado social?
É unha rede de produción, distribución e consumo que funciona con criterios éticos, democráticos, ecolóxicos e solidarios e con dinámicas transparentes e democráticas, constituída tanto por iniciativas empresariais e entidades da ESS coma por persoas consumidoras e colectivos.
O obxectivo é crear un circuíto económico alternativo que defende os valores da ESS galega, que cubra unha parte significativa das necesidades das partes que o constitúen e fomentando o consumo dentro. Un catálogo común de produtos e servizos procedentes da ESS dos diferentes sectores (agroalimentación, enerxía, finanzas, lecer, cultura, educación, construción, vivenda, comunicación, arte e deseño, comercio xusto, téxtil, cosmética, ... e un longo etcétera) que permita desconectar da economía capitalista tanto como sexa posible.


Parte de 3 premisas:
- Abordar o mercado como escenario principal de transformación colocando no centro das relacións económicas ás persoas e á sostibilidade da vida.
- Dar a coñecer, poñer en relación, enredar e fomentar a intercooperación entre as iniciativas locais de economía social e solidaria que ofrecen produtos e servizos tan variados e que tan pouco se coñecen.
- Repensar como organizarnos para fomentar unha economía más xusta e solidaria a través da implicación activa da poboación cara o consumo responsable.